Esixir Dereitos Sociais é comprometerse coas vítimas da Lei Mordaza e da Lei de Estranxeiría.
Nestes días coincidían múltiples manifestacións en todo o país esixindo a derogación sen paliativos da coñecida como Lei Mordaza, que dende 2015 está a ser motivo de desmobilización para organizacións, activistas e cidadanía, expostas a unha lexislación que as culpabiliza polo mero feito de exercer o seu dereito a manifestarse de forma pacífica. As novas que están a chegar sobre a última proposta de reforma non deixan de ser un mero maquillaxe que non corrixe os aspectos máis lesivos da lei.
Paralelamente, tamén están a cobrar pulo nestas datas os esforzos por difundir a ILP para a regularización extraordinaria das persoas estranxeiras. O obxectivo, como xa temos comentado nunha entrada anterior desta web, é conseguir reunir 500.000 sinaturas nos próximos nove meses para conseguir que o Congreso debata e aprobe esta petición, que é de xustiza.
Non podemos deixar de chamar a atención sobre o fondo común que comparten ámbalas dúas demandas: trátase de recuperar dereitos esenciais, dereitos humanos que están a ser conculcados a diario ante a impasibilidade de moitas. Trátase, tamén, de aspectos básicos para a construción de sociedades verdadeiramente democráticas, nas que todos e todas poidamos exercer os nosos dereitos de cidadanía, comunicación e participación en plena igualdade.
É así como se constrúe ese outro mundo posible e necesario, un mundo xusto e fraterno, co que sempre estaremos comprometidas.