Centro Cultural «Rueiro»

Que é o Centro Cultural "Rueiro"

E unha asociación cultural de Coia – Vigo con máis de vintecinco anos de vida, inspirada e preocupada pola promoción e desenvolvemento da cultura e tradicións galegas. O seu principal obxectivo consiste na ocupación do tempo de lecer con actividades lúdicas e formativas relacionadas coa arte e a cultura primordialmente galegas, asi como amosarlle ás novas xeracións toda a cultura de Galiza nas diferentes disciplinas artísticas e recreativas. De aí o nome de Centro Cultural Artístico e Recreativo «RUEIRO».

A súa sede ubícase no barrio de Coia, en Vigo, nos baixos da Parroquia do Cristo da Victoria (Baiona 9, baixo, 36209 – Vigo). O funcionamento interno artéllase a través dunha Xunta Directiva, que se reúne semanalmente, con representantes de todas e cada unha das distintas comisións culturais.

Que facemos

As actividades de “Rueiro» son múltiples e variadas e están destinadas principalmente á promoción da cultura popular galega. Ademais de prestar unha atención preferente á celebración das festas populares e tradicionais do pobo galego (o Entroido, a Semana das Letras Galegas, a Bouza, o Magosto, Nadal e Reis), ofrece un amplo abano de actividades culturais e recreativas. Moitas das actividades culturais, de carácter permamente, están ligadas ao folclore e á música galegos: baile galego, pandereteiras e grupo de gaitas, así como escola de zanfona e coral polifónica. Conta cun grupo de teatro afeccionado.

Tamén oferta charlas e conferencias de temas de interese, ao tempo que adica unha semana eminentemente cultural á celebración do Día das Letras Galegas. Pola súa banda, as actividades recreativas abranguen dende excursións (que nunca esquecen o seu carácter cultural), senderismo, cine infantil (xeralmente o primeiro sábado do mes), xogos populares… e todas aquelas actuacións que se vaian planificando ao longo do ano (concertos, teatro, festivais…).

+información na web: www.centroculturalrueiro.es

Deja un comentario