Vivenda como punto de partida para cidades acolledoras

O xoves pasado, día 24 de febreiro, disfrutamos da oportunidade de ir recuperando máis espazos formativos que por mor da pandemia sufriran unha paréntese que xa se prolongaba demasiado. Contamos coa presencia de dúas traballadoras sociais de Provivienda, que nos falaron dos proxectos que esta entidade desenvolve en Galicia dende hai uns anos, e máis en particular en Vigo dende a súa sede no barrio de Teis.

Baixo o título “Vivenda como punto de partida para cidades acolledoras”, as compañeiras de Provivienda centráronse sobre todo na importancia de construír fogares cálidos e acolledores, que van moito máis alá da mera vivenda, aínda que esta sexa sempre o punto de partida imprescindible. Neste sentido, tanto o seu programa de acollida para persoas sen fogar e en situación de precariedade como o seu programa de protección internacional, que asiste a persoas estranxeiras e refuxiadas, tiveron e teñen que afrontar as dificultades que supón atopar viviendas en aluguer asequibles e en boas condicións, tanto polo prezo destas, debido á inflación do mercado inmobiliario, como polas reticencias e prexuízos dos propietarios cara a estes grupos de poboación.

As trabas burocráticas, as dificultades co idioma, as diferenzas culturais, os problemas para relacionarse derivados de situacións de explotación, persecución, trata, os prazos mesmos que rixen as subvencións das entidades públicas a estes programas de acollida… todo isto constitúe un desafío maiúsculo para as persoas en situación de precariedade e as profesionais de Provivienda que as acompañan e apoian. Porén, a capacidade de resiliencia destas persoas non deixou de ser destacada con exemplos emocionantes e exemplares, que amosan unha vez máis como se pode construír un futuro distinto tras superar camiños de dor e marxinación, mesmo tras ter que deixar atrás as túas raíces.

E precisamente esa falta de raíces deu pé ao chamamento das compañeiras de Provivienda para implicarnos individual e comunitariamente na acollida e acompañamento destas persoas. Somos nós, dende a nosa vida cotiá, pero tamén dende compromisos concretos, quen podemos ofrecer espazos de convivencia, de coidados, de cariño, ás persoas que se senten invisibles ou, aínda peor, marxinadas e desprezadas por ser estranxeiras ou diferentes. Trátase, tan so, de exercer de veciños e veciñas, de estar preto, de xuntarse, de compartir con estas persoas para que se sintan parte do barrio, acollidas e acompañadas. Debería ser unha obriga para toda a cidadanía, pero máis aínda no noso caso, como comunidade cristiá que pretende ser coherente consigo mesma.