4º Domingo de Advento: «Vieiros de liberación»

Domingo 24 de Decembro: “Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo”

Os tres domingos de advento, a través da voz profética de Isaías, voz que clama no deserto, conducíronnos paseniño ata este momento. O profeta do Antigo Testamento lévanos ata o profeta do Novo Testamento: o compromiso coa xustiza que nos reclamaba Isaías, a camiñada polos vieiros da liberación, tráenos ata a Boa Nova de Xesús de Nazaret. A Humanidade toda enxendra ao Fillo dun Deus Pai e Nai, e, con el, alenta un mundo novo de paz, amor e xustiza. A terra arelaba ser sementada. So fai falla coidar ese sono de esperanza, alimentalo, acollelo. E alegrarse, porque estamos cheos de graza, porque Deus está con nós…

Os seis meses, Deus mandou o anxo Gabriel a unha vila chamada Nazaret, onda unha mociña prometida a un home da casa de David, que se chamaba Xosé; o nome da mociña era María.

Entrando onde estaba ela, díxolle:

– Alégrate, chea de graza, o Señor está contigo.

Ela turbouse con estas palabras, cavilando no que podería significar o saúdo aquel.

O anxo continuou:

– Non teñas medo, María, porque ti atopaches graza ante Deus; e, fíxate, vas concibir no teu ventre e darás á luz un fillo, ó que lle poñerás de nome Xesús.

Lucas, 1, 26-33