3º Domingo de Advento: «Vieiros de liberación»

Domingo 17 de Decembro: “Anunciar a boa nova ós pobres”

O que Isaías nos dicía figuradamente o segundo domingo de advento nolo di agora ás claras, sen panos quentes: trátase de construír vieiros de liberación para as persoas empobrecidas, trátase de sandar ás vítimas das inxustizas, trátase de devolver a liberdade a quen está encadeado polos poderes do mundo. Ese é o camiño que nos reclama a nós. Non basta con escoitar a súa voz, non basta con non cometer inxustizas: Isaías esíxenos que nos poñamos man a obra na denuncia, na acollida, na liberación; en definitiva, na praxe cotiá e persoal, pero tamén política e comunitaria, para transformar o mundo, para reconfiguralo a imaxe e semellanza de Deus.

O Espírito do Señor, Iavé, está sobre min, porque o Señor me unxiu.
Mándame anunciar a boa nova ós pobres, curar os de corazón
esnaquizado, proclamarlles ós cativos a liberdade e ós presos que abran
os ollos, para proclamar un ano de graza do Señor e o día do rescate do
noso Deus. […]
Pois, como a terra fai saír os seus gromos, e como un horto fai brotar as
súas sementeiras, así o Señor Iavé fará brotar a xustiza, e a loanza ante
todos os pobos.

Isaías 61, 1-2a; 11