Xuntanza de Comunidades en Vilán

O pasado sábado, 30 de abril, celebramos en Vilán a nosa tradicional Xuntanza de Comunidades. Máis de corenta persoas, entre nenos e nenas e maiores, reunímonos nun precioso día primaveral para poñer en común a nosa reflexión sobre o tema dos coidados, pero tamén para compartir oración, convivencia, xantar e tempo de lecer.

A mañá comezou con saúdos agarimosos e cun almorzo que acompañamos de bromas e conversas, de lembranzas e proxectos de futuro. Ás once e media empezamos a tratar o tema común a partires dun pequeño guion que nos propuña preguntas en torno a tres textos moi sinxelos pero tamén moi inspiradores. A conversa transcurriu distendida, e as experiencias vitais de cada cal animaban as reflexións de fondo, dándolles unha cor diferente. Así, coa participación de boa parte das presentes, fomos tecendo un camiñar preñado de ilusións, no que a satisfacción ante o moito que se foi facendo uníase a autocrítica e a conciencia do moitísimo por facer. Pero sempre dende a convicción esperanzada de que convivir e camiñar comunitariamente é, cada vez máis, algo revolucionario, nestes tempos de individualismo, de soidade, de illamento…

Tratábase, en definitiva, de impulsar dinámicas de compricidade nas que reforzar os nosos vínculos fraternos para poder coidar e seguir coidando a vida. E, por iso, a oración final, o canto compartido do Noso Pai, o xantar comunitario e os paseos e conversas posteriores, mesmo os xogos dos nenos e nenas, foron o mellor espello no que mirarnos para seguir camiñando xuntos, cara o futuro, cara o horizonte que nos amosou Xesús de Nazaret.