Crónica da xornada Formación de Educadores na Fe 2014

O sábado 15 de Marzo tivemos na nosa comunidade a Xornada Anual de Formación de Educadores na Fe. Como no curso anterior contamos coa animación de Eba e Natxo, profesores e animadores da pastoral infantil e xuvenil no Colexio dos Escolapios de Vitoria.

Comezamos a Xornada pasadas as 10 da mañá. Ademais dos educadores da fe das distintas etapas participaban tamén algúns membros de comunidades da parroquia. Entoamos un canto fixemos e unha oración acorde co evanxeo da semana: o encontro dos discípulos de Xesús no Monte Tabor. Así puidemos facer presentes moitos «tabores» de hoxe e entre eles esta xornada de formación.

Continuamos a reunión dividíndonos en catro grupos e deseñando o tipo de persoa que queriamos conseguir a través da nosa formación nas distintas fases da vida. Logo puxémolo en común e puidemos ver a grande coincidencia de valores entre todos os grupos. Queremos promover persoas felices, alegres, solidarias con todos e especialmente cos mais desfavorecidos, tolerantes, xenerosas, que compartan e axuden, empáticas, comprometidas coa xustiza e a paz, igualitarias, ecoloxistas, comunitarias, indignadas, esperanzadas, sinxelas, libres…. E todo iso dende algunha «fe» sinalando sobre todo a fe en Xesús compartida explicitamente e celebrada.

Como Natxo e Eba proviñan dunha espiritualidade escolapia faláronnos de que eles facían fincapé na súa formación nesa espiritualidade cristiá específica. E nós comentamos que, sen dicilo explicitamente, faciamos fincapé tamén na espiritualidade de dominic@s: evanxeo, comunidade e loita pola xustiza e pola paz.

Natxo e Eba mostráronnos o seu itinerario de formación que abranguía dende os primeiros anos ata unha xuventude adulta. Ilustrárono con numerosas esquemas e fotos. Fixeron especial mención dunha formación baseada na experiencia e no compromiso, con numerosas actividades convivenciais, de aire libre e de solidariedade sobre todo en idades preadolescentes, adolescentes e novos. Mencionaron tamén experiencias de voluntariado tanto no noso país como fóra del.

Finalmente, e unha vez mais por grupos, tratamos de esbozar un proxecto educativo con mozos. Partimos dunhas fotografías de diversos temas que cada un tiñamos que escoller para definir o proxecto. Segundo as fotografías escollidas, fixemos os grupos e esbozamos un proxecto educativo e os medios e actividades, para levalo a cabo. Saíron proxectos moi interesantes relacionados coa ecoloxía, aprecio da vida rural galega e os seus costumes, aprecio e coñecemento da vida mariñeira, festas e costumes galegos, obradoiros…

Rematamos a Xornada cu xantar compartido entre alguns dos participantes e agradecemos unha vez máis a Natxo e Eba a animación desta Xornada de Formación que rematamos aí xa que pola tarde tiñamos a celebración da Confirmación.