Concentrámonos na Gota de Leite para denunciar que está preparada para funcionar como albergue

Outro acto máis, e xa son moitos, no que se pediu a apertura dunha vez en Vigo do albergue público que dea solución aos problemas das máis de 300 persoas sen fogar da cidade. Non sabemos se a clase política desta cidade está cega ou que simplemente non lle interesa dar resposta á situación de moitas persoas que morren nas rúas por mor da pobreza e a desigualdad, o que si sabemos que continuaremos na rúa denunciando esta grave situación ata que lle dean resposta.

Onte lembramos a Quique e  Manuel que xa non están con nós. E escoitabamos un manifesto no que se pedía que non houbera «desaloxos sen realoxos» e no que se lle pedían a Lucía Molares que fixera unha xornada de portas abertas neste edificio para amosar que está acondicionado para funcionar xa como albergue. Moitos medios acompañaron o acto, deste xeito recolleron o sucedido na concentración o Faro de Vigo e a Voz de Galicia.

Vémonos no acto do días 16!

– – –

Manifesto

Benqueridas amigas e amigos:

Xuntámonos hoxe ante este edificio da Gota de Leite que a actual Xunta de Galicia decidiu adicar a outros fins cando o proxecto da súa adecuación para o Centro de Inclusión Social estaba xa moi avanzado.

Xuntámonos ante este inmoble, símbolo da nosa loita de tantos anos por conseguir o albergue para persoas sen teito, para dar resposta ás declaracións de Lucía Molares, Delegada da Xunta de Galicia en Vigo, aos medios de comunicación o pasado 14 de agosto, nas que afirmaba que este edificio non podería ser usado nin sequera provisionalmente como Centro de Inclusión Social, posto que non reunía as condicións necesarias para dito fin.

Nós sabemos que esto non é así e que conta con habitacións totalmente equipadas con camas, colchóns e armarios, ademáis de aseos e duchas, salas de estar, televisións e ordenadores, biblioteca, aulas… Por iso solicitamos publicamente á Xunta de Galicia que organice neste edificio unha xornada de portas abertas e unha rolda de prensa para que os medios de comunicación e os cidadáns e as cidadás da nosa cidade podan coñecer o equipamento co que está dotado actualmente e quede demostrado dunha vez por todas que sería posible a súa inmediata apertura, cando menos provisionalmente, como Centro de Emerxencia Social, mentras o Concello de Vigo non poña en marcha as instalacións que albergarán dito centro de xeito definitivo.

Como sabedes, o noso grupo ven esixindo dende hai moitos anos a urxente posta en marcha dun albergue que debería cumprir uns mínimos requisitos, como a ubicación na zona centro da nosa cidade nun inmoble que conte coa suficiente superficie para albergar cando menos entre 50 e 60 camas, así como espazos para o lecer e a formación; ademáis debería permanecer aberto as 24 horas do día todos os días do ano e o acollemento habería de ter unha duración suficiente (de medio a longo prazo) para que cando a persoa abandone o centro teña acadado un nivel de autosuficiencia e autoxestión abondo para continuar coa súa vida nunhas condicións minimamente dignas.

O edificio ante o que nos atopamos hoxe ofrece esas características e conta na actualidade coa dotación necesaria; por iso, e mentres non haxa acordo acerca da ubicación definitiva, sexa neste o noutro inmoble, esiximos á Xunta de Galicia que adopte unha decisión responsable ─e mesmo xenerosa─ coas persoas sen fogar e proceda a inmediata e provisional apertura da Gota de Leite para acoller aos veciños e veciñas sen teito de Vigo.

Ademáis, queremos dirixirnos aos cidadáns e cidadás da nosa cidade para que tomen conciencia da necesidade de dito proxecto, comprendan que é unha cuestión de xustiza e dignidade humana e non poñan atrancos á definitiva ubicación dun dispositivo que é de vital importancia para a saúde e integración social das persoas sen fogar.

Por último, desexamos lembrar neste encontro a dous compañeiros sen teito que finaron nos meses de xullo e agosto, Quique e Manuel. Na súa lembranza faremos agora dous minutos de silencio.

Vigo, 7 de setembro do 2010

Programa O Imán de autoapoio VIH/SIDA e adiccións da UAD do Concello de Vigo

Comunidade Parroquial Cristo da Victoria de Coia