Concentración cidadá na Gota de Leite

O vindeiro venres 16 de outubro ás 18.30 hai convocada unha concentración cidadá diante do edificio da Gota de Leite para reclamar a súa apertura. Deixamos a continuación o texto da convocatoria da concentración.

ALBERGUE XA!!! ACCIÓN CIDADÁ

Estamos tentando xerar unha acción cidadá que incida na toma de decisión da Xunta en relación á urxente apertura do albergue no edificio da Gota de Leite, de xeito provisional ou definitivo.

Entendemos que non e asumibel que por motivos partidistas uns e outros continuen a negociar a costa dos mais empobrecidos e excluídos sen deterse a valorar as consecuencias das súas actitudes.

O investimento xa está realizado, a perspectiva dun inverno sen alternativa a durmir na rúa é un escándalo; polo que e imprescindibel xerar unha sensibilización e acción cidadá, que se transmita aos medios de comunicación, para que Xunta e Concello solucionen xa este asunto.

O retraso xa conta con persoas mortas en condicións infrahumanas.

O Valedor do Pobo solicita a Xunta resposta urxente na que decidan o uso do edificio da Gota de Leite ao mesmo tempo que manten aberta a tramitación da queixa presentada por diversas Ongs, colectivos e asociacións sobre a actitude das administracións ante a situación das persoas sen teito en Vigo.

Esta é unha oportunidade para que de xeito urxente exerzamos presión para lograr rachar a situación actual do: “non sei”, “non respondo”, “a culpa a ten o outro”, “non e urxente, … xa están acostumados e poden esperar un pouco mais…”.