Manifesto por unha igrexa resucitada

Crer en Xesús de Nazaret, compromete.

Baixo este lema, a Comunidade Cristiá do Cristo da Victoria de Vigo, ven de celebrar estes días a vixencia actual dos acontecementos centrais da nosa fe.

Xuntos temos celebrado que a eucaristía é a mesa compartida, a fonte da fraternidade e da solidariedade humana; que na cruz de Xesús descubrimos tamén a tódolos crucificados que no mundo seguen a ser víctimas da marxinación ou o desprezo; que na súa resurrección recoñecemos a victoria de tódalas causas que apostan pola vida en dignidade e plenitude.

Fai moito tempo que descubrimos -como outras tantas comunidades cristiás- que a nosa fe só se pode entender dende un compromiso fondo e sincero coa causa dos máis empobrecidos, que somos verdadeiros seguidores do evanxeo na medida que a nosa relación con Deus non remata dentro dos muros do Templo, senón que nos impulsa a dar testemuño dese Deus, que encarnándose en medio de nós quixo divinizar todo o humano e facer da historia dos seres humanos unha historia de salvación.

Así entendemos e vivimos a palabra e a práctica de Xesús de Nazaret, o Cristo, o fillo de Deus.

Desde estas conviccións é dende onde apostamos por unha Igrexa nova, resucitada, que entende o seu sentido máis alá de si mesma para poñerse ó servicio dos que –como Xesús- son tamén víctimas dun mundo que adora ós ídolos do poder, o diñeiro e a forza da violencia.

Creemos e traballamos por unha Igrexa de persoas iguais, onde mulleres e homes poidan xuntos desenvolver sen limitacións os seus carismas, ó servicio da comunidade.

Soñamos cunha Igrexa na que o sacerdocio ministerial sexa un símbolo de animación da comunidade e non unha posición de poder ou privilexio.

Anhelamos unha Igrexa na que os empobrecidos deste mundo (dende a fe ou sen ela) atopen defensa, acougo e agarimo. Unha Igrexa empeñada en ofrecer á sociedade unha palabra de alento e esperanza e que abandone o costume do prexuízo e a condena.

Buscamos unha Igrexa desposuída dos símbolos de poder, que sexa alternativa real ó sistema de opresión que nos impoñen os poderosos deste mundo.

Seguimos na procura dunha Igrexa que aposte pola participación de tod@s na que se promova a madurez e a corresponsabilidade dos laicos.

Por todo isto, e sentíndonos parte desta Igrexa posible, queremos hoxe manifestar a nosa tristeza e o noso escándalo ante a amoestación que dende a xerarquía da Igrexa recibiu nestes días o noso irmán, o teólogo Jon Sobrino. A súa reflexión, xunto a outros teólogos da liberación, ten iluminado e alimentado a nosa fe e o noso compromiso, e ten aportado á Igrexa a necesidade do papel central dos empobrecidos en calquera espiritualidade que pretenda ser verdadeiramente herdeira da espiritualidade de Xesús, e polo tanto, realmente evanxélica.

Sentimos tamén unha fonda tristura pola decisión do episcopado de Madrid de pechar á parroquia de San Carlos Borromeo, de Entrevías. Unha comunidade cristiá referente e testemuñal do que significa ó compromiso real dende a fe coa marxinación, que leva trinta anos facendo realidade a misión que Xesús se dá a si mesmo: levar a boa noticia ós pobres, anunciar a liberdade ó cativo, á salvación ós oprimidos.

Non podemos estar de acordo nin coas razóns teolóxicas nin cos métodos que a Igrexa institucional ten utilizados nestes e noutros moitos casos. Persoas e comunidades como estas, son para nós proféticas e nos animan a esperar contra toda evidencia que outra igrexa, nova e resucitada, é posible.

Vigo, Pascua de Resurrección 2007