Onte pola mañá, o sábado 27 de outubro, compartimos unha xornada de experiencias alternativas para un consumo consciente e transformador.
Coa esperanza de ser quen de construírmos entre todas as persoas “Outra maneira de vivir”, máis xusta e solidaria, máis ecolóxica e fraterna, xuntámonos para dialogar e descubrir algunhas pistas para contribuír á transformación social -e medioambiental- tamén dende o noso consumo cotián.
Foi ilusionante ver a unhas corenta persoas con ganas de cambiar hábitos de consumo que ás veces están moi enraizados e que -case sen decatarnos- contribúen a alimentar a un sistema capitalista cada vez máis cruel e deshumanizado. Foi tamén esperanzador sementar unha canle de comunicación para continuar o intercambio de información e experiencias, porque ese camiño é de longo percorrido e se fai mellor se estamos acompañados…
Para rematar a mañá compartimos -maiores e nenos- unhas larpeiradas e chocolate de comercio xusto que nos deixaron aínda mellor sabor de boca (se iso era posible).
Seguimos facendo camiño…