Festa do Magosto

Como todos os anos, celebramos unha vez máis no parque da Bouza a Festa do Magosto, grazas á colaboración do Movemento cidadán “O Noso Barrio”, a Asociación de mulleres “Dorna” e o Centro cultural “Rueiro”.

Contamos nesta ocasión coa actuación do Grupo Folclórico de Gaitas da Asociación de Veciños de Pardavila e coa xa tradicional mesa de troco organizada polo equipo de Parrotroca. Iniciativas para unha economía alternativa.

Por último, foi a oportunidade para dar a coñecer a nova campaña da ong Acción Verapaz, que co título de “Sementes para un futuro” trata de sensiblilizar e concienciar á veciñanza recaudando fondos para a adquisición de sementes agrícolas para familias campesiñas de Beauséjour (Haití).

Cómpre lembrar que como sempre a festa estivo unida a un motivo reivindicativo que é ben coñecido para todo o barrio: “Co magosto o Centro Cultural, XA, XA, Xa…!”. Son moitos anos reclamando unha infraestructura básica para a veciñanza, que segue a ser negada polas autoridades, máis pendentes, polo que parece, dos fogos de artificio que do benestar e das necesidades da cidadanía.

Nós seguiremos a dar pulo ás demandas dos veciños e veciñas, continuaremos a solidarizarnos coas comunidades do Sur, insistiremos en formas de consumo alternativas, ecolóxicas e solidarias, e todo sen esquecer a sorrisa, a festa, a tradición, a cultura, o baile… Porque queremos o pan, pero precisamos as rosas. E porque se non hai baile non é a nosa revolución.

Tamén dende o barrio, moita xente pequena, facendo cousas pequenas, dende o fraterno e o solidario, pode mudar o mundo…