Hoxe, 23 de maio, ás 20:00, a Rede Social Galicia Sur, integrada por diversas organizacións sociais, entre elas a nosa parroquia do Cristo da Victoria, convocounos a un novo círculo de silencio.
Desta vez o círculo centrouse na esixencia doutras políticas sociais e de cooperación dos concellos, e en particular no concello de Vigo, ante a proximidade das eleccións municipais.
A continuación ofrecemos o manifesto que se leu ao final do acto:
MANIFESTO 23/5/2019
#CírculosDeSilencioVigo
Reunidos neste novo Círculo de Silencio en Vigo, e preocupados polas políticas locais en materia social e de cooperación ao desenvolvemento, como sociedade civil demandamos os seguintes compromisos cara as elección municipais do 26 de abril. Como medidas específicas de política social para o Concello de Vigo:
- Aumentar o peso da Política Social na estratexia dos equipos de Goberno. Deseñar, planificar e desenvolver uns “Servizos Sociais” con estratexias de longo prazo orientadas a conseguir un horizonte de benestar social, dotados de recursos e dirixidos por persoas preparadas e coñecedoras da problemática social da nosa cidade.
- Deseñar e implantar unha política social real cun enfoque de desenvolvemento comunitario, con importante peso da iniciativa social e da participación cidadá.
- Desenvolver políticas transversais e plans integrais co compromiso das distintas áreas de goberno, que impliquen varias temáticas (benestar social,cultura, saúde, vivenda, educación,…) en lugar de manter delegacións estancas ou medidas desconectadas.
- Considerar os recursos destinados a políticas socias como «investimento social» que fortaleza os servizos sociais públicos, proporcione oportunidades, mellore o benestar e a calidade de vida, loite contra as causas da pobreza, corrixa as desigualdades, reduza os efectos da crise e evite a cronificación da pobreza.
- Desenvolver toda a capacidade normativa nas competencias dos Concellos permitida na planificación e ordenación xeral do sistema galego de servizos sociais.
- Facilitar a coordinación das administracións municipais entre si e coas entidades do terceiro sector para levar a cabo políticas sociais eficaces.
A nivel de cooperación internacional, demandamos:
- Unha política de cooperación internacional de calidade orientada a erradicar a pobreza en todo o mundo/global e a garantir a igualdade de oportunidades e de dereitos para tódalas persoas como clave do desenvolvemento sostible.
- Un aumento dos recursos económicos, agora neste Concello no 0,04%, multiplicando por dez esta mínima achega para alcanzar ao 0,4% do orzamento municipal ao final da lexislatura (un millón de euros para o Concello de Vigo), camiño da senda do 0,7% de Axuda Oficial ao Desenvolvemento. E que estas axudas públicas sexan transparentes e en concorrencia competitiva.
- Combater os discursos do odio contra a diversidade. Que a migración sexa un dereito para as persoas que teñen que fuxir dos seus países, e unha riqueza para as sociedades que as acollen.
- Políticas coherentes e eficaces a nivel ambiental que garantan un modelo de desenvolvemento sustentable, conscientes de que o noso modo de vida e de consumo ten impactos ambientais e sociais nos países empobrecidos.
- A construción dunha cidadanía crítica, comprometida e solidaria coas causas globais, en coherencia coa Axenda 2030 de Desenvolvemento Sostible, a través da difusión e sensibilización sobre os obxectivos que a compoñen.
- Fomentar, a través de mecanismos democráticos e efectivos, a participación da sociedade civil nas decisións municipais neste ámbito, creando espazos onde ser escoitados e recuperando o funcionamento Consello Municipal de Cooperación e Solidariedade.
En definitiva, queremos elixir uns representantes políticos para esta cidade que estean ao servizo dun Concello responsable cos Dereitos Humanos, coa xustiza social, coa sostibilidade do planeta e coa solidariedade internacional.