Crónica da Convivencia de Comunidades

Onte, sábado 6 de abril, celebramos a nosa xa tradicional Convivencia de Comunidades. Aínda que a idea inicial era desprazarnos ata Vilán, as previsións meteorolóxicas aconsellaron que o encontro tivese lugar en Coia no complexo parroquial, en concreto na sala de convivencias.

Nun ambiente cálido, familiar, en torno a corenta persoas pasamos unha xornada de convivencia, diálogo fraterno e sororal e proxectos para a construción no pequeno e no cotiá dese mundo máis xusto e solidario co que debemos estar comprometidos se queremos ser coherentes coa nosa fe.

Comezamos coa oración preparada polo Ministerio de espiritualidade transformadora, que nos animou a interiorizar o compromiso de tratar ao noso próximo con toda humildade, afecto e consideración, como se fose o mesmo mesías. So así crearemos un mundo verdadeiramente fraterno, tal e como nos pediu Xesús de Nazaret.

Despois, baixo a orientación do Ministerio de formación e desenvolvemento comunitario, pasamos a compartir as conclusións aportadas polas comunidades en torno ao tema común deste ano, titulado A nosa opción como persoas que seguen a Xesús hoxe. Tras unha síntese inicial das achegas nos apartados do “ver” e do “xulgar”, centramos a nosa reflexión en torno ás posibles liñas do “actuar”.

De seguida nos decatamos de que a temática máis repetida situábase dentro do que poderíamos entender como consumo responsable e coidado do planeta. Xurdiron propostas para mellorar e ampliar a Parrotroca, dende banco de troco a banco de servizos, para organizar compras colectivas, para promover a limpeza da Bouza e denunciar o seu abandono, reivindicando o valor histórico e natural deste emblema das loitas do noso barrio, para dar pasos cara a mellora da eficiencia enerxética e ecolóxica do complexo parroquial e de Vilán… Outro asunto reiterado era a preocupación polo proceso de envellecemento que se percibe de forma cada vez máis acusada nos últimos anos entre a veciñanza do barrio e, de forma especial, entre as persoas das comunidades. A posibilidade de desenvolver un club de lectura sobre esta temática, a constatación da falta de espazos adecuados no barrio, a necesidade de promover os coidados e de impulsar a pastoral da saúde, a obriga de denunciar e esixir melloras neste eido… foron ideas recorrentes. Tamén coincidimos na necesidade de abrirnos a outros colectivos, buscando ampliar coñecementos, experiencias e alianzas, na conciencia de que así creceremos como comunidade e seremos máis fortes. Por último, ante o sentimento de que había persoas que tiñan experiencias interesantes que aportar tanto no ámbito da acción social como no ámbito do consumo responsable propúxose a posibilidade de celebrar algunhas xornadas para dalas a coñecer na comunidade.

Tras unha mañá de diálogo e traballo -cun pequeno descanso para estirar as pernas e desfrutar dunha bebida quente e dalgunha lambetada-, un bo grupo quedou a comer en comunidade, prolongando o diálogo entre bromas e complicidades, dando o así o remate perfecto a esta convivencia.