Remataríamos ben rápido. A resposta ao falarmos da Xunta de Galicia e do Concello de Vigo, á luz das consecuencias, é ben sinxela: ao servizo do poder, do capital.
En moitas ocasións expresamos a nosa fartura polos resultados das súas políticas sociais. Lonxe de seren un instrumento para erradicar a inxustiza e a desigualdade, as empregan para someter e lexitimar un sistema que priva do mínimo á maior parte da poboación.
Tomamos unhas palabras de Albert Sales [1] sobre algunhas das características destas políticas sociais:
“A grandes rasgos, las siempre escasas transferencias públicas dirigidas a las familias y personas más empobrecidas se están viendo sustituidas por un maremágnum de pequeñas ayudas fragmentadas y creadas para responder a la presión social. Ayudas alimentarias, ayudas para pagar el alquiler, becas comedor, becas para actividades extra- escolares, aplazamientos en el pago de los suministros del hogar… Un sinfín de pequeñas cantidades monetarias o de prestaciones en especie cuya burocracia hay que tramitar, en ocasiones pasando por distintas oficinas y presentando papeles que demuestren la situación de necesidad en la que el núcleo familiar se encuentra. Por el consumo de tiempo y energías que comporta, la peregrinación de las ayudas se convierte en una parte importante de la estrategia de supervivencia de las personas que viven experiencias de pobreza prolongadas”.
Unha morea de “esmolas” que non procuran a transformación social, nin remover as causas da pobreza. Meros parches, que si axudan -polas dinámicas antes descritas por Albert- a responsabilizar aos individuos dos problemas sociais. Case sen decatarnos, e nun intervalo de tempo moi curto, desposuíronos dos escasos dereitos sociais conquistados para recolocar o “asistencialismo” como resposta ao empobrecemento.
Con dous exemplos, explicámonos mellor.
– Axudas para o alugamento da Xunta de Galicia.
En xaneiro de 2015 a Xunta publicaba unha convocatoria de axudas para o alugamento (ver: http://igvs.es/web/actuamos/834). Lemos nela que o obxecto das mesmas era “facilitar o acceso e a permanencia nunha vivenda en réxime de aluguer a persoas físicas con escasos medios económicos, mediante a concesión de subvencións para afrontar os custos do alugueiro”.
O mes de prazo para presentar as solicitudes remataba o 19 de febreiro. Ante a ausencia de novas, moitas preguntan polo estado dos expedientes nas delegacións territoriais. A resposta: “hai que agardar”. Contra final de ano chegan as primeiras novas:
– Algunhas das solicitantes reciben, en decembro, resolucións na que lles estiman a solicitude.
– Outras saben (ou non) polo DOG, a Xunta non o comunica doutro modo, que se lles require documentación.
– Quen non recibiu resolución, nin saíu no DOG, segundo explican os funcionarios do propio IGVS, ten varias posibilidades:
1) Agardar pola resolución da concesión.
2) Agardar polo requirimento de documentación, vía DOG.
3) Ficar sen axuda. Procedemento en réxime de concorrencia competitiva, é dicir, as axudas chegarán até onde o fagan os cartos da convocatoria.
– Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social de Vigo.
Abel Caballero declarou que «ninguén en Vigo será desafiuzado mentres eu sexa alcalde». Unhas palabras que dixo logo de que a Xunta de Goberno Local aprobara o “Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social» para o ano 2016, dotado con 802.000 € [2].
Anuncio que agocha a cabriola que o goberno do PSOE fixo coas partidas sociais para o ano 2016. Cunha ollada aos orzamentos enténdese mellor:
ORZAMENTOS 2015:
“Axudas Emerxencia Municipais” = 445.000 €
+ “Cheque Social” = 2 millóns €
Total: 2.445.000 €
ORZAMENTOS 2016:
“Programa contra desafiuzamentos e de emerxencia social» = 802.000 €
+ “Cheque social” = 1.640.000 €
Total: 2.442.000 €
Malia a fanfarra da nova, os datos din que o Concello de Vigo vai dedicar en 2016 menos cartos que o ano pasado a axudas directas ás persoas [3].
Estamos fartas de escoitar, vivir e comprobar como as axudas non chegan, como a xente segue a padecer cortes de subministros, segue a pasar fame, segue sen poder mercar as menciñas que precisa, ou segue a ser desaloxada das súas casas… Mentres, temos que aguantar o cinismo e a propaganda duns (i)responsables políticos que viven completamente afastados da precariedade e da miseria á que nos condenan coas súas políticas.
En Vigo, tamén na Galiza, hai centos de persoas sen fogar nas nosas rúas, hai centos de despexos por non poder pagar o alugueiro. Non hai outra realidade. Feijóo e Caballero o saben. Do mesmo xeito que saben que as súas políticas sociais non teñen por obxecto mellorar as condicións de vida para a maioría. Cosméticos que empregan para nos despistar da necesidade de construír dende abaixo outros mundos nos que todas teñamos unha vida que mereza ser vivida.
Abonda xa de mentiras e de propaganda! Renda Básica das iguais e moitísimo máis!
Xaneiro 2016
ODS-Coia
– – –
[1] Do artigo: “La nueva pobreza y la otra pobreza” > http://vagosymaleantes.com/2015/02/28/la-nueva-pobreza-y-la-otra-pobreza/
[2] Fonte: http://xornal.vigo.org/xnnoticia.php?lang=gal¬icia=21762
[3] Segundo di o goberno municipal aos medios en 2015 o concello destinou para Axudas de Emerxencia Municipais 750.000 €. O crédito desta partida é ampliable, e como en anos anteriores, así o fixeron en varios momentos do ano.