Para empezar o ano

Cando o sol póñase polo horizonte atlántico comezará un novo ano. O ano 2016. Aproveitamos as palabras do noso amigo Manolo Regal para este fin de ano para que nos axuden a empezalo próximo con bo ánimo:

Para empezar o ano …
que nos non falte a fe
na túa presenza sólida ao noso lado, Señor,
que por algo es o Enmanuel,
o Deus connosco en todo momento.

Para empezar o ano …
que non nos falte a esperanza
de que as cousas poden cambiar,
podémolas cambiar,
porque nos fixeches vigorosos/as
e a forza do teu Espírito vai sempre connosco.

Para empezar o ano …
que non nos falte o amor,
lúcido, intelixente,
humilde, servidor,
para rodear con amor responsable
a quen de amor e servizos ande necesitado.

Para empezar o ano …
que non nos falte a luz,
para entender as raíces e o enramado da crise,
para poñer a cada un no seu sitio,
para que non nos tapen os ollos,
e podernos así dispoñer
para os tempos novos que poden ir nacendo.

Para empezar o ano …
que non nos falte a rabia, a indignación,
convertida en forza creativa,
para ir realizando con pequenas accións
o soño de irmandade que todos/as levamos
no fondo do noso corazón e na flor dos nosos labios.

Para empezar o ano …
que non nos faltes ti, Xesús,
nin o teu evanxeo,
nin as túas maneiras,
nin a túa liberdade,
nin a túa creatividade,
nin a túa paixón por Deus
nin a túa paixón polos débiles.