Nos últimos anos estamos a padecer un aumento xeneralizado da violencia no mundo, que por desgraza trala pandemia parece anestesiado ante a dor e o sufrimento alleos. Botamos en falla aqueles movementos transversais pola paz que hai anos mobilizaban a moitos miles de persoas.
Pola contra, hoxe a opinión pública parece ter outras preocupacións, mentres que os discursos belicistas que xustifican e demandan un aumento da inversión en gasto militar non deixan de crecer. Hoxe o pacifismo asóciase a ‘buenismo’, a inxenuidade, mesmo a un perigoso idealismo. Hoxe sopran ventos de guerra, e non parece haber lugar para outros discursos.
Fronte a esta situación, precisamos reafirmarnos, erguer a voz, comprometernos máis que nunca co antibelicismo, coa cultura da paz e a non-violencia, coa convicción de que outro mundo é posible, necesario e cada vez máis urxente. Cómpre construír otros discursos que ofrezan alternativas e que denuncien as nefastas consecuencias dunha escalada militar que non parece ter fin.
(continúa no manifesto adxunto)

