Faladoiro co teólogo Antonio Ávila

O pasado venres tivemos a oportunidade de compartir un bo rato de diálogo con Antonio Ávila, teólogo madrileño de formas amables e pausadas, de palabra clara e profunda… Antonio, que estivo varios días en Vigo da man do noso irmán Edgardo, que fora alumno seu, presentouse como un xubilado que ten agora máis responsabilidades e encomendas que cando aínda traballaba como docente.

Antonio Ávila Blanco (Madrid, 1950) é licenciado en Psicoloxía pola Universidade Complutense de Madrid e doutor en Teoloxía catequética pola Universidade Pontificia de Salamanca. Durante unha década foi formador no Seminario Conciliar de Madrid, así como colaborador na pastoral universitaria da Universidade San Pablo-CEU e director do Departamento Interfacultativo de Teoloxía desa mesma universidade. Foi tamén director do Instituto Superior de Pastoral (Madrid) e profesor colaborador da Facultade de Teoloxía «San Dámaso» (Madrid). Ademais tivo a responsabilidade de asumir a coordinación do sínodo diocesano de Madrid. Entre as súas publicaciones destacan: Psicología del desarrollo oral y religioso (1995), Para conocer la psicología de la religión (2003), Madurez, sentido y cristianismo (2013), Acompañamiento pastoral (2018) e El cansancio del clero (2023).

A xuntanza tiña como obxectivo enriquecernos mutuamente: Antonio coa experiencia da nosa parroquia nos procesos asemblearios, sinodais, dando maior protagonismo a laicas e laicos, e a comunidade cos variados saberes deste teólogo e psicólogo. O faladoiro foi proveitoso e cordial, e Antonio soubo apreciar as nosas fortalezas, pero tamén as nosas debilidades, e fíxonos ver que temos unha obriga para coa Igrexa no seu conxunto: dar a coñecer o noso camiñar na procura dunha participación máis activa das laicas e laicos, pero tamén ter a humildade de aprender doutras experiencias parroquiais, que de seguro poden ser asimesmo moi interesantes.

Para rematar a súa estadía na nosa comunidade, Antonio acompañounos na celebración dominical. Deixamos algunhas imaxes da súa visita: