Semana Santa 2024: «Por riba de todo, a esperanza»

Certamente, vivimos tempos de crise, tempos escuros nos que se difunden por todas as partes o pesimismo e a desesperanza: cada vez hai menos presencia nas rúas dos movementos polos dereitos sociais, que ven como diminúen as persoas comprometidas cun mundo mellor mentres crecen sen cesar a intolerancia e o fanatismo, a xenofobia e a violencia.

Ante esa situación, na Semana Santa, baixo o lema “Por riba de todo, a esperanza”, quixemos rescatar este ano unha mirada de confianza, de fe, de compromiso cun futuro mellor, unha mirada que entendemos revolucionaria nun mundo golpeado polas guerras, pola violencia, polos abusos, polas violacións dos dereitos humanos e pola pobreza.

O xoves celebramos a festa da fraternidade, que nos lembrou a esencia mesma da nosa fe: a convicción de que somos irmáns e irmás unidos polo servizo e o amor, e que esa é a única forma de construír un mundo que mereza de verdade a pena, que sexa espello do Reino que anunciaba Xesús de Nazaret. Como símbolo desta convicción, recolléronse os nomes de persoas queridas que representaban algo importante nas nosas vidas, que nos deixaran testemuñas de amor e coidados e que merecían a nosa lembranza agarimosa.

O venres pola mañá enchemos a capela para rescatar en medio das cruces do noso mundo esa faísca de esperanza que nos anime a seguir comprometidas, comprometidos, coa construción dese mundo posible e necesario. Un pequeno fío verde cunha boliña negra simbolizaban este camiño…

Xa pola tarde, na celebración da morte do Señor, tratamos de identificar esas cruces, eses crucificados e crucificadas de hoxe, do noso tempo, que chamaban por nós, que precisaban da nosa axuda, do noso compromiso, da nosa solidariedade: vítimas das guerras, mulleres maltratadas, persoas asasinadas en Gaza (entre elas miles e miles de nenos e nenas), persoas sen recursos empobrecidas, migrantes que foxen da violencia e da miseria… Unha candea acendida no medio da escuridade da igrexa ao final da celebración daba conta do raio de esperanza que quería anunciar a celebración do día seguinte.

Por fin, o sábado de resurrección as sombras foron derrotadas e a escuridade deu paso á luz: Xesús, unha vez máis, resucitou, e quixemos expresar ese miragre da primavera pascual co fío que une as persoas máis maiores, as máis novas e mesmo a nenos e nenas que dan vida, vida en abundancia, á nosa comunidade: son as sementes dun futuro posible, un futuro que queremos construír entre todos e todas, un futuro de ESPERANZA.