Revolta de Mulleres na Igrexa

Convocadas polo movemento «Revolta de Mulleres na Igrexa», e baixo o lema “Ata que a igualdade se faga costume na Igrexa”, moitas mulleres congregáronse ante as igrexas de todo o estado español hoxe, domingo 3 de marzo, aproveitando a proximidade do Día da muller. Na nosa parroquia do Cristo da Vitoria, en Coia (Vigo), tamén se repetiu unha concentración de mulleres, ao igual que xa fixeran o ano pasado por estas mesmas datas.

O manifesto que leron neste acto viña encabezado polo título: «Por unha igrexa sinodal: comuñón, participación e misión». E aí destacaban os logros acadados nos últimos tempos para convivir nunha auténtica comunidade de iguais, logros que non terían sido posibles sen a mobilización de tantas mulleres cristiás en Galiza, no estado español e no resto do mundo.

Hoxe foron nada menos que 24 as cidades de todo o estado español nas que se celebraron estas concentracións: Alacante, Badaxoz, Barcelona, Bilbo, Burgos, Cabra, Ciutadella, Córdoba, Donostia, Las Palmas de Gran Canaria, Granada, Huelva, Logroño, Málaga, Madrid, Oviedo, Salamanca, Santander, Santiago de Compostela, Sevilla, Valencia, Gasteiz, Vigo e Zaragoza.

A continuación deixamos algunhas imaxes, un vídeo do acto de Vigo e o documento co manifesto final: