3º Domingo de Coresma: «Romper cadeas, tender mans»

3º Domingo de Coresma 3 marzo

Non basta mudar a nosa mirada nin escoitar as verbas de Xesús se quedamos recluídas, recluídos nas nosas casas, se nos pechamos ao mundo, se non actuamos consecuentemente. No evanxeo deste domingo, Xesús bota fóra do templo aos comerciantes. Nós, cristiáns e cristiás do século XXI, estamos na obriga de facer o mesmo: non podemos deixar entrar nas nosas vidas o lucro, a avaricia, o negocio, porque son incompatibles coa construción dun Reino solidario, xusto, fraterno.

Estaba a chegar a Pascua dos xudeus e subiu Xesús a Xerusalén. Atopou no templo os que vendían bois, ovellas e pombas e mais os cambiadores, sentados; foi el e fixo un vergallo con cordas de xunco, botounos a todos fóra do templo e as ovellas e os bois tamén; guindou cos cartos e virou as mesas dos cambiadores e ós que vendían as pombas, díxolles:

– Arredádeme de aquí estas cousas, non fagades da casa do meu Pai unha casa de negocio.

Xoán 2, 13-16