O movemento #RegularizacionYa logrou por fin o obxectivo das 500000 firmas para a Iniciativa Lexislativa Popular pola regularización das persoas migrantes, feito que lles permitirá chegar ao Congreso.
Desde marzo 2020 #RegularizacionYa iniciou unha loita incansable pola plenitude de dereitos das persoas migrantes; e por elas traballaron en 2021 para impulsar a #ILPRegularizacion. Para chegar a este primeiro obxectivo, que era conseguir o número mínimo de firmas para que a ILP fose admitida a trámite no Parlamento, constituíuse un grupo promotor baixo o nome de ESENCIALES, do que formaban parte, ademais de #RegularizacionYA, Fundación para la Ciudadanía Global, Fundación Por Causa, REDES, Alianza para la Solidaridad, e Por un Mundo Más Justo.
Entre todas, conseguimos alcanzar ese primeiro paso: recolectar 500000 firmas para máis de 500000 persoas migrantes e racializadas que non teñen recoñecidos aínda plenos dereitos.
So queda transmitir unha mensaxe de agradecemento a quen colaborou, participou, impulsou e apoiou esta iniciativa, que nos fai mellores como sociedade plural, aberta e democrática. E, dende o punto de vista dunha comunidade cristiá, fai que nos acheguemos máis ao soño dun mundo fraterno, o soño de Xesús de Nazaret. Hoxe máis que nunca fanse realidade as tan coñecidas palabras de Galeano: «Moita xente pequena, en lugares pequenos, facendo cousas pequenas, pode cambiar o mundo».
Na nosa comunidade parroquial, como en innumerables barrios periféricos de todo o estado, foron moitas as persoas anónimas, humildes, xenerosas, que quixeron aportar o seu apoio explícito a esta campaña. Conseguimos así, coa participación de tantas veciñas e veciños, irmáns e irmás, superar as 500 firmas ás que nos comprometéramos. GRAZAS A TODAS!