3º Domingo de Advento: «Imos construír o futuro»

Domingo 11 de Decembro Domingo 3º de Advento

Paciencia, porque ás veces a terra desécase, sofre pragas e invasión da malas herbas, e o campo agóstase. Pero o labrego sempre agarda a chuvia que refresca e dá vida, sempre agarda que brote, no máis oculto, o froito do seu traballo cotián. Neste domingo de advento demandamos paciencia e esperanza, porque so dende aí se poden construír espazos de futuro preñados de utopía.

Isaías 35,1-4 Deus vén en persoa e salvaravos

¡Que se alegren o deserto e mais a terra reseca, que brinque de ledicia a estepa e que floreza! ¡Que, coma a lis, floreza abundantemente, que brinque en exultante danza! […]. Eles mesmos verán a gloria do Señor, o esplendor do noso Deus. Fortalecede as mans adormecidas, e ponde firmes os xeonllos que tremen. Dicídelles ós de corazón tímido: «Collede ánimo, non temades. Velaí o voso Deus.»

Santiago 5,7 Saber agardar

Reparade en como o labrego coa esperanza posta nos preciosos froitos da terra agarda con paciencia as augas temperás e as serodias. Tede tamén vós paciencia e collede folgos, porque o Señor axiña chegará.