4º Domingo de Advento: «Imos construír o futuro»

Domingo 18 de Decembro Domingo 4º de Advento

Como sempre na historia humana, na historia da vida, a esperanza chega do máis pequeno, do máis humilde, da semente de futuro que unha muller alberga no seu interior. Somos apenas graos de area nun enorme deserto, ascuas vacilantes que se apagan deseguida. Pero de nós depende que a luz floreza e que contribúa a alimentar o lume. De nós depende forxar un futuro de xustiza e paz que dea sentido a esa faísca de luz e esperanza no medio da escuridade.

Isaías 7,14 Mirade: a virxe está encinta

[…] Por isto, o meu Señor daravos El mesmo un sinal: Velaí a doncela: está encinta e dá a luz un fillo, ó que lle pon de nome Emmanuel.

Mateo 1,18-21Nacemento de Xesús

O nacemento de Xesús Cristo foi así: María, a súa nai, estaba prometida a Xosé; e antes de viviren xuntos apareceu ela embarazada por obra do Espírito Santo. Xosé, o seu prometido, home xusto, non a querendo aldraxar, decidiu repudiala secretamente. Tal era a súa resolución, cando o anxo do Señor se lle apareceu en soños, dicíndolle: Xosé, fillo de David, non repares en levar contigo a María, a túa prometida; que o que nela se concibiu é obra do Espírito Santo. Dará a luz un fillo, e ti poñeraslle de nome Xesús, porque salvará o seu pobo de todos os seus pecados.