Magosto 2022!

Por fin, tras varios anos de interrupción con motivo da pandemia, podemos ir retomando plenamente as actividades de festa e convivencia co resto do barrio. Falta facía! Nada nos fai máis felices que celebrar a vida coa veciñanza.

Xa é o tempo de apañar castañas e sobre todo de comelas: é o tempo do Magosto. Pero na festa tamén hai tempo para a reivindicación. Dende hai anos o noso barrio aproveita as festas populares para xuntarse e para reivindicar que o noso barrio segue sen Centro Cultural. E este ano non vai ser menos, e por iso volvemos a celebrar o Magosto no parque de A Bouza.

A Asociación de mulleres Dorna, o Centro Cultural Rueiro e o Movemento Cidadán «O noso barrio» anímannos a participar no Magosto o vindeiro sábado 19 de novembro. Será no parque de A Bouza xunto ao estanque dende as 17h00. Ademais das castañas e viño novo contaremos coas seguintes actuacións:

17h30-  Grupo folclórico de gaitas «Asociación veciñal O Carballo de Sárdoma».

18h30- Grupo Pandereteiras «Lumieiras de Rueiro» (Coia)

Durante toda a tarde estará en funcionamento a Mesa de Troco, para fomentar a reutilización, o intercambio e o consumo responsable. Podedes traer cousas en bo estado que non utilicedes que poderían ter nova vida en mans doutras veciñas e veciños. Animádevos a participar!