Xuntanza comunitaria: 50 anos de camiño

Hoxe, sábado 5 de novembro, pola mañá, celebramos unha nova Xuntanza comunitaria. Levamos xa dende o curso pasado tratando de desenvolver estes espazos de encontro do conxunto das comunidades, onde poder compartir reflexións e intercambiar experiencias, ou simplemente conversar en torno a unha taza de café.

Cremos que é importante potenciar estes espazos para enchernos de esperanza e axudarnos a seguir camiñando. Desta vez, ademais, a ocasión era máis especial aínda, pois quixemos lembrar os 50 anos de camiño que leva andados a nosa parroquia, 50 anos que conmemoramos este curso e que agardamos seguir celebrando nos próximos meses. Por iso o título do encontro de hoxe era: «50 anos de camiño. Como seguir sendo unha comunidade viva que dá vida».

Deixámosvos aquí o texto de motivación inicial:

Estamos de aniversario. Hai 50 anos comezou a actividade na nosa parroquia coa chegada dos dominicos. Algúns de vós seguro que xa fostes protagonistas deses primeiros anos nos que botou a andar a nosa comunidade nun mundo e nun barrio moi distinto ao que agora coñecemos. Teredes moito que contar, moito que ensinarnos a quen nos fomos incorporando despois… Eran anos de coñecerse e de empezar a quererse, de construír dende cero, de ir crecendo na fe e no compromiso, de loitar da man en pequenas e grandes causas… E dende aquela, 50 anos de camiñada: tantas persoas que pasaron por aquí, que estiveron e xa non están, que son parte xa da nosa historia, e tantas outras que nos fomos incorporando a esta comunidade co paso do tempo…

Hoxe nos toca vivir un momento ben diferente. Asumir que ese pasado, que tendemos a idealizar, xa non volverá, e que agora o reto é outro: non caer no desánimo a pesar de que imos cumprindo anos e somos menos xente; manter viva a esperanza dende o convencemento de que compartir a nosa fe dá sentido ás nosas vidas e de que é un regalo camiñar xunto a outros irmáns e irmás co obxectivo de deixar tras os nosos pasos un mundo mellor, coma nos pide Xesús.