Círculo de Silencio polas persoas migrantes e refuxiadas

Unha vez máis, as organizacións que conformamos a Rede Social Galicia Sur, entre as que está a nosa parroquia, convocamos un novo Círculo de Silencio para denunciar a situación das persoas migrantes e refuxiadas, que non están a recibir as axudas e apoios que merecen e precisan. Desta vez, foi na Praza de América, xunto á estatua ao Migrante, o pasado xoves día 3 de novembro ás 20:00.

Aproveitamos a ocasión para recoller sinaturas que apoien a ILP para a regularización extraordinaria das persoas migrantes. Estamos xa moi preto de acadar a cifra de 500000 firmas en todo o estado español, cantidade mínima para conseguir que a proposta de regularización extraordinaria se leve ao Congreso e se vote en sede parlamentaria. Parécenos imprescindible recoñecer a plena cidadanía ás miles de persoas que contribúen acotío co seu traballo ao benestar de todos, moitas veces no ámbito dos coidados, e que despois non poden acceder aos mesmos dereitos que calquera cidadán.

Por elas e por todas nós, pola nosa propia dignidade como sociedade democrática e comprometida coas persoas máis desfavorecidas, é preciso saír a rúa a testemuñar a nosa vontade de construír un mundo máis xusto. Queremos que o noso silencio sexa un berro de protesta e de solidariedade coas persoas migrantes e refuxiadas.