Xornada Mundial polo Traballo Decente

“Sen compromiso non hai traballo decente” é o lema elixido este ano para enfocar a Xornada mundial polo Traballo Decente. Un ano máis, as organizacións que forman parte da iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) convocan esta Xornada para celebrar e reivindicar o traballo como dereito e actividade para o coidado das persoas, do ben común e do planeta.

En Vigo, esta conmemoración celebrarase en varias xornadas:

  • Xoves 6 de outubro, ás 20:30, no salón de actos da Parrq. Sagrado Corazón (rúa Rosalía Castro): Presentación do caderniño elaborado pola IOAC-HOAC de Galicia co gallo dos 50 anos das loitas obreiras do ano 1972. Baixo o título: «Presenza da Igrexa galega nas mobilizacións obreiras de 1972 en Ferrol e Vigo». Participan: Elvira Landín, avogada laboralista; Bieito Santos, crego obreiro xesuíta; Luís Calvo, traballador xubilado de Citroën. Contaremos coa presenza do Bispo Luis Quineiro Fiuza.
  • Venres 7 de outubro: Vixilia na parroquia do Cristo da Vitoria (rúa Baiona, 9, Coia).
  • Sábado 8 e domingo 9 de outubro: Celebracións litúrxicas o sábado ás 20:00 na Igrexa do Sagrado Corazón (rúa Rosalía de Castro) e na Igrexa Nosa Señora das Neves en Teis; e o domingo ás 12:30 na Igrexa “Cristo da Vitoria”, en Coia e na Igrexa da Inmaculada Concepción (Os picos, no Calvario).

Entre outras esixencias, as entidades convocantes demandan: a creación de emprego, especialmente mulleres e xente moza; estudar a redución da xornada laboral (sen merma do poder adquisitivo); dignificación do traballo do ámbito dos coidados; regularizar a situación das persoas migrantes (apoiando a ILP en marcha sobre esta cuestión); tomar medidas drásticas para evitar as mortes por accidentes laborais; comprometerse e mobilizarse para loitar polo traballo decente para todas as persoas.

Tedes aquí o manifesto da campaña e o cartaz dos actos na nosa cidade.