Romaxe 2022

Desde a Asociación Irimia estamos felices de convidarte este vindeiro sábado 10 de setembro á xornada de ledicia, irmandade, festa e esperanza, compartindo a vida nesta XLIV Romaxe de crentes galegas e galegos. E tamén convidámoste a que resoe a túa voz noutras compañeiras e compañeiros de viaxe, comunidades, asociacións, parroquias e amigas e amigos. Fai logo de faro e convida, que alguén está esperando o teu convite.

Animádevos

Co lema “Fóra do pobo non hai salvación”, ao pé do Monte Xalo, na parroquia de Castelo, concello de Culleredo, esperámosvos. Alí, onde aínda resoan os ecos da voz de Mocho Valcarce, coñecido como o crego das Encrobas, coas súa loitas solidarias e esperanzadas en tempos ben duros: “Pois somos fillos dunha terra oprimida na que mal viven xentes explotadas e marxinadas”. Como daquela, hoxe máis ca nunca, doutra maneiras seguramente: fóra do pobo non hai salvación.

Agardamos que esta xornada prenda o lume do noso corazón e que alí onde celebremos a Romaxe sexa un momento de reflexión, festa e compromiso e levemos a luz que pregoa un mundo máis xusto.

Cousas que hai que ter en conta

Hai que levar o folleto da casa, ou descargalo da páxina www.irimia.gal

Aínda que todo vai indo a mellor, tampouco temos medallón, pero temos unha edición ben coidada e ben bonita, con deseño e portada orixinal da ilustradora Iria Aldegunde.

Algo de nós

Xa sabedes que para os que nacemos nesta beiriña da Ría, a carón da Coruña, o noso concello é o máis bonito do mundo; para os que vindes dende fóra, podedes ir logo dar un paseo pola ría do Burgo, que despois de moitos anos de loita e de organización da xente do pobo, por fin se está a limpar… Non vai sen tempo!

Temos os muíños do rego da Xesteira moi pretiño, en Celas.

En Sésamo, no centro social, temos a Biblioteca de Moncho Valcarce.

Vilaboa é a parroquia con máis poboación do concello -temos moito tránsito cara ao aeroporto, que si, tamén está no noso concello- e ten moitos lugares encantadores. Culleredo é rural e urbano, como a Galicia actual, con moito por descubrir.

Pero se eu tivese que elixir hoxe, despois da celebración subiría ao monte Xalo, ver as pedras Picudas, a pedra do Vello ou a pedra do Sombreiro. E seguramente exclamarei: Qué ben se está aquí!

Como podedes ver, temos de todo!, pero o que máis nos gusta é que ti veñas celebrar esta Romaxe.

Como chegar?

Xa sabedes que todos os camiños levan a… Castelo!, mais nós propoñémosche un ben doado!

Podes chegar desde a N-550 ( dirixíndote cara ao monte Xalo á altura de Tabeaio ou Altamira). Tamén vale subindo cara ao monte desde Celas de Peiro.

Para poñer en Google Maps ou no navegador:

Pista polideportiva de Castelo
https://maps.app.goo.gl/XMDmq9XXfF5HBhLf6

HORARIO DA ROMAXE

11:00 h

ACOLLIDA

12:00 h

CELEBRACIÓN. No Ronsel de Mocho Valcarce: fóra do pobo non hai salvación

14:00 h

XANTAR COMPARTIDO

16:00 h

FESTA RACHADA (CON SORPRESAS)

NON HABERÁ A ORACIÓN DA TARDIÑA