Festa A Bouza

Este ano, como fixemos cada curso ata o inicio da pandemia que paralizou tantas cousas, retomamos a celebración da Festa de A Bouza, coa que despedimos o curso e collemos novos folgos para o curso vindeiro. Será o vindeiro sábado 18 de xuño, dende as 12:00.

Como sempre, será unha festa con baile, música, regueifas, xogos para maiores e peques e actividades solidarias como a recollida de sinaturas para a ILP para a regularización extraordinaria das persoas migrantes. E, por suposto, seguimos na nosa reclamación histórica dun centro cultural para o noso barrio.

Grazas, unha vez máis, ás compañeiras e compañeiros do Centro Cultural Rueiro, da Asociación de Mulleres Dorna e do Movemento cidadán O noso barrio, que asumen a organización. Este ano contamos tamén coa colaboración da Asociación As Da Bouza, que dende hai pouco máis dun ano veñen dinamizando actividades para a rapazada no entorno do noso parque.

Contaremos con música variada ao longo de todo o día e con actuacións en directo de grupos de música tradicional galega: as pandereteiras «Lumieras do Rueiro», os «Grupos folclóricos de Rueiro» de gaita e baile e a actuación da Banda de música «Ateneo municipal de Bembibre». E por suposto, xantar e ceas comunitarias na carballeira. Porque se non hai baile, non é a nosa revolución. Porque precisamos recuperar a alegría, a festa compartida, os coidados comunitarios e fraternos. Porque así facemos barrio. Porque así construímos ese mundo distinto que tantas perseguimos.