Escoitemos o berro da Amazonía

Hoxe, domingo 5 de xuño, vivimos unha celebración excepcional da man das irmás e irmáns da ong Entreculturas, en especial grazas a mediación de Ángela e José Luis.

Con motivo da campaña que está a desenvolver pola Amazonía, a ong Entreculturas convidou a tres misioneiros, dúas irmás, Raimunda e Arizete, e un sacerdote xesuíta, Fernando, a compartir a súa experiencia de compromiso coas comunidades locais na maior selva do planeta. E hoxe os tres participaron na nosa celebración denunciando os abusos e a explotación que están a sufrir tanto o corazón verde da Terra como as comunidades que se nutren da súa riqueza sen esquilmala, como si fan as grandes empresas de Occidente.

Na celebración, recordamos as innumerables mártires vítimas das oligarquías empresariais e dos terratenentes que se lucran co negocio de explotar a selva. Concretamos a nosa homenaxe nunha comunidade local, na figura dunha relixiosa como Dorothy Stang e na persoa dun laico que é xa un referente para todas as que loitan por ese outro mundo posible: Chico Mendes.

Como nos lembraba Fernando, somos dous mundos que se entrelazan, que se precisan e que dependen o un do outro. E aí é onde nace a nosa responsabilidade. Non se trata so de denunciar en momentos puntuais, non se trata so de apoiar iniciativas tan necesarias como a campaña de Entreculturas. Trátase, sobre todo, de sensibilizar sobre a necesidade urxente dun consumo cada vez máis responsable, consciente e transformador. Trátase de ser cidadanía crítica co seu consumo, antes que consumidores pasivos e alienados, sabendo os efectos que as nosas compras teñen no planeta e en moitas comunidades que viven en armonía coa natureza. Trátase, en definitiva, de ser nós, na nosa vida cotiá, o cambio que queremos para o mundo, actuando no local pero pensando no global.

Como comunidades cristiás, estamos obrigadas a ser coherentes co chamamento de Francisco de Asís a amar o planeta e as súas formas de vida, porque son, coma nós, creacións de Deus e, polo tanto, podemos chamalas, como facía Francisco, as nosas irmás e irmáns. So así, se nos concienciamos sobre a dimensión ecosocial da nosa realidade, se actuamos consecuentemente na nosa cotianeidade, seremos quen de ir dando pasos que permitan salvar todas as selvas do planeta, dende unha cultura do coidado da casa común.

Se queredes máis información sobre estas experiencias e o proxecto de Entreculturas, mañá luns, 6 de xuño, tedes a oportunidade de asistir a charla de Raimunda, Arizete e Fernando na parroquia do Corazón de María, ás 19:30.