O xoves 5 de maio, como cada primeiro xoves de mes, preto de corenta persoas participamos nun novo Círculo de silencio convocado pola Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia. Desta vez, reunímonos xunto á Farola de Urzáiz con motivo do Día mundial do comercio xusto, que se celebra en todo o mundo o 14 de maio.
Durante media hora de silencio compartido expresamos o noso compromiso cun mundo máis comprometido co comercio xusto e cun consumo responsable, consciente e transformador.
Porque o comercio internacional cos países empobrecidos xera abusos, desigualdade, inxustizas… e negámonos a ser cómprices.
Non se trata de pedir «axudas». Esiximos unhas regras de xogo xustas, co establecemento e impulso de leis comerciais máis equitativas nas que todos os países participen en pé de igualdade, con independencia do seu poder económico.
Por outro lado, a xustiza comercial precisa dun enfoque alternativo, que sitúe ás persoas, ás comunidades e ao planeta por riba dos beneficios económicos. Trátase de ir máis aló do mero «comercio» para incidir e intervir nas orixes da probreza e a desigualdade.
As organizacións que formamos parte da Rede Social Galicia Sur apelamos tamén á cidadanía para complementar as esixencias de cambiar as regras do comercio internacional coa necesidade de practicar un consumo responsable, dun consumo consciente e transformador. Fronte ao consumismo desaforado do estilo de vida occidental o consumo responsable ten fondas implicacións éticas, sociais, económicas e ecolóxicas. A responsabilidade individual e comunitaria obríganos a considerar no noso consumo a cadea de valor do produto, de maneira que teñamos en conta se respectaron na produción os dereitos laborais, de seguridade e de saúde, dos traballadores e traballadoras, así como da súa contorna, o que inclúe tamén o impacto medioambiental.
Porque queremos un mundo mellor, máis xusto e solidario, no que a economía e o consumo se orienten ao ben común e á consecución dunha vida digna para todas as persoas.

















