Un círculo de silencio distinto foi o que vivimos o pasado xoves, día 10 de abril, ás 20:00, xunto á farola de Urzáiz. Fronte ao gran número de persoas que nos reuníramos no círculo anterior, pola paz en Ucraína, neste caso fomos unhas poucas as que nos achegamos a Urzáiz para reivindicar unha regularización das persoas migrantes. Hai algo de simbólico nesta diferencia, que sen dúbida obedece a causas moi diversas; pero dá a sensación de que expresa certo esquecemento por parte de boa parte da sociedade da situación das persoas migrantes que chegan do sur. Contra estas persoas están a deseñarse dende hai tempo unhas políticas migratorias españolas e europeas moi duras e restritivas, que teñen desembocado en serias violacións dos Dereitos Humanos denunciadas por distintas organizacións non gubernamentais.
As persoas que nos concentramos neste Círculo de Silencio sumábamos á ILP (Iniciativa Lexislativa Popular) impulsada por moitas entidades do estado para recoller cando menos 500.000 firmas que permitan levar a debate no Congreso a regularización extraordinaria das persoas migrantes. Nese marco, a nosa comunidade do Cristo da Vitoria comprometeuse a recoller 500 firmas, e nese camiño estamos. Xa levamos recollidas case 200, e agardamos cumprir co noso compromiso no prazo previsto, coa axuda de todas.
Porque a nosa firma é esencial para facer camiño na procura do soño de fraternidade de Xesús de Nazaret. Precisamos de todas as mans. Precisamos de todas vós.



