Charla de Coresma: «A salvación contada polas mulleres bíblicas»

Onte, sábado 9 de abril, ás 17:00 horas, con motivo das nosas tradicionais charlas de Coresma, asistimos a un relatorio de Carme Soto Varela baixo o titulo: «‘Pero ela dixo…’ (Mc 7,28). A salvación contada polas mulleres bíblicas».

Carme, viguesa e serva de San José, é licenciada en Historia Contemporánea e doutora en Teoloxía na especialidade de Biblia. Ademais pertence á Asociación de Teólogas Españolas, á Asociación Bíblica Española e ao Consello de Redacción das revistas Encrucillada e Reseña Bíblica. O ano pasado publicou a obra Cuando Dios habla no solo en masculino. La teología feminista, que ten sido moi ben acollida en comunidades de base que queren afondar nas achegas da teoloxía feminista.

A charla de Carme enfocouse en dous casos emblemáticos e reveladores das posibilidades que se abren ao escoitar a voz das mulleres bíblicas dende a perspectiva teolóxica feminista: o caso de Sara, no Antigo Testamento, que pasa dunha risa de escepticismo ante o anuncio de Deus do seu embarazo a unha risa que é experiencia xenuina de Deus; e o caso da anónima muller sirofenicia, no Novo Testamento, que nos ofrece o único exemplo coñecido no que unha persoa consegue facer rectificar a Xesús de Nazaret, ampliando o seu horizonte, extendendo a súa mensaxe do pobo israelita a toda a humanidade.

Ao longo da charla Carme ampliou as súas referencias a outras mulleres bíblicas, dende Eva ata as mulleres mencionadas por Paulo nas súas epístolas. A través de todas elas podemos rastrexar a reivindicación dunha experiencia persoal e liberadora de Deus e un compromiso con esa experiencia que foi sistemáticamente minusvalorado polos exégetas e pola xerarquía eclesial.

Grazas a Carme polas súas verbas e a todas as persoas que nos acompañaron esta tarde de abril.