Xuntanza do Sínodo de mulleres

Este sábado 2 de abril tivemos na nosa parroquia a segunda xuntanza de reflexión con motivo do Sínodo de Mulleres, desta vez sobre “Poder e participación”. Como xa fixeramos no mes de febreiro en torno ao tema “Situación das mulleres na Igrexa”, compartimos a nosa experiencia coma mulleres crentes e, axudadas polas reflexións de distintas teólogas feministas, fixemos as nosas propostas para que a Igrexa sexa verdadeiramente unha comunidade de iguais, de homes e mulleres que poñen os seus carismas e as súas mans ao servizo da construción do mundo novo que nos chama a facer realidade Xesús.

O noso grupo naceu tras un encontro coas compañeiras de Mulleres Cristiás Galegas – Exeria, que nos animaron a xuntarnos mensualmente en Vigo para dar resposta ao chamamento do Catholic Women Council (CWC) compartindo as nosas reflexións e propostas como están a facer innumerables grupos de mulleres en todo o mundo. Aínda que a maioría nun primeiro momento pertencíamos á nosa comunidade parroquial, varias
mulleres procedentes doutros espazos e realidades uníronse ao grupo, orixinando un espazo de diálogo moi enriquecedor dende as nosas distintas experiencias de fe.

A verdade é que está a ser un verdadeiro agasallo compartir as nosas vivencias e os nosos soños dende unha ollada feminista e tranformadora, e pensar xuntas a Igrexa e o mundo que queremos… E seguiremos a facelo… ata que a igualdade sexa costume!