Este sábado 29 de xaneiro achegáronse ata a parroquia cinco compañeiras de Mulleres Cristiás Galegas EXERIA (Lucía Santiago, MariCarmen Gallego, Bea Estévez, Eva Queiro e Marieta Santos) para animarnos a participar no Sínodo de Mulleres, iniciativa impulsada no estado español pola Revolta das Mulleres na Igrexa.
En primeiro lugar, faláraronnos do seu colectivo, comprometido co feminismo, coa teoloxía feminista e con Galicia como contexto inmediato; en segundo lugar, referíronse ao movemento das mulleres na Igrexa a nivel internacional, no que destacaron a importancia do Consello de Mulleres Católicas (CWC); a continuación, explicaron os eixos de traballo, a metodoloxía e os prazos, entre outros aspectos, do proxecto do Sínodo das Mulleres; e, nun sentido máis amplo, contextualizaron esta proposta no marco reivindicativo e transformador da Revolta das Mulleres na Igrexa.
Trala presentación compartimos un breve pero dinámico debate no que se puxeron de manifesto as inquedanzas e o interese de moitas mulleres por transformar a realidade da Igrexa para construír alternativas máis coherentes co compromiso cristián. En definitiva, animáronnos a sumarnos á loita “ata que a igualdade se faga costume”.



