Círculo de Silencio pola Xustiza Social

O pasado xoves medio centenar de persoas, de veciñas e veciños, de cidadanía anónima e solidaria, acudiron a un novo Círculo de Silencio, convocados pola Rede Social Galicia Sur, á que pertence a nosa parroquia.

O motivo, desta vez, era a reivindicación de Xustiza Social para todas, comezando polas vítimas, as últimas, as esquecidas do sistema. Partindo dos datos aportados polo último informe FOESSA, puidemos constatar como a pandemia non fixo máis que empeorar a situación de precariedade na que malvivía moita da nosa veciñanza. Coa agravante de que hai que sumar a cada vez máis persoas que se incorporaron ás listas da vergoña, sometidas á dependencia dun suposto “sistema de protección social” que converte dereitos en esmolas.

Levamos xa moitos anos, dende distintos foros e plataformas, denunciando a perversión do capitalismo, que devora a persoas, formas e medios de vida, culturas e ecosistemas, deixando ao seu paso un rastro de pobreza, soidade e dor. Estamos xa moi cansas, moi fartas, de escoitar sempre os mesmos contos de fadas, os mesmos cantos de serea… Sabemos ben quen eran as sereas: monstruos que so conducían á perdición de quen as seguían. O capitalismo é o problema, e as reformas non fan máis que poñer espellismos no medio do deserto. Xa abonda.

O mandamento da fraternidade universal obríganos a esixir unha vez máis Xustiza Social. Facémolo cun berro de silencio, xa que os ruídos nos afogan por todos os lados e talvez o silencio e a linguaxe dos corpos en círculo sexan agora o máis revolucionario. Xustiza Social sen compromisos ‘reformistas’, sen xogos verbais, sen atrancos, sen luces publicitarias. Xustiza Social. Agora e sempre.