Xornadas de Acción Social

O sábado 22 de xaneiro, ás 16:30, reunímonos na nosa parroquia para coñecer e difundir iniciativas comunitarias e individuais no eido da acción social. Tratouse dun encontro sinxelo, pero moi enriquecedor, que nos permitiu valorar o grao de compromiso e implicación de moitas persoas en iniciativas variadas que atinxían a campos solidarios moi diversos: apoio e acompañamento a persoas maiores, a mulleres maltratadas, a inmigrantes, a persoas vítimas de problemas de ludopatía, a persoas que sufrían penas de prisión… e tamén aproveitamos para lembrar iniciativas ben coñecidas da nosa comunidade, como: a atención dende o despacho parroquial e a ODS Coia, con información alternativa no eido das axudas sociais; os círculos de silencio, que se convocan os primeiros xoves de cada mes por iniciativa da Rede Social Galicia Sur; a Pastoral da Saúde, con acompañamento a enfermos e persoas maiores que viven soas; e a Parrotroca, iniciativa de intercambio de produtos no eido da economía alternativa e do consumo responsable. Para esta última proposta, moi parada nos últimos tempos, precisaríase o compromiso activo de máis persoas para darlle o impulso que require.

Cumpriuse sobradamente co obxectivo desta xuntanza, que era compartir todas estas experiencias coa fin de sensibilizar á comunidade e mantela informada das diferentes iniciativas que se están a desenvolver. Saímos reanimadas e esperanzadas, coa impresión de que había moitas opcións e proxectos en marcha, o que reconforta nestes tempos de illamento e certa pasividade como consecuencia da pandemia. Finalizamos co compromiso de seguir informando sobre o desenvolvemento destas propostas no futuro inmediato, dándoas ademais a coñecer ao resto da comunidade.

Porque hai moito que facer e todas as mans son necesarias…