Horas despois de escoitar a voz vibrante e conmovida de Santiago Agrelo aínda estamos conmocionadas por unha testemuña tan impresionante. A experiencia vivida, comunicada con verbas apaixoadas e vibrantes, está tan enchida de dor, de sufrimento, de morte, que nos deixou fondamente emocionadas e agradecidas. Porque sempre precisamos de voces comprometidas como a de Santiago Agrelo, voces imprescindibles, para remexernos por dentro e facernos saír das nosas cotiandades, do noso día a día, onde tendemos a refuxiarnos para xustificar a nosa inacción.
Escoitando a voz que clama no deserto, a voz que denuncia, a voz que se compromete (e nos compromete), os nosos problemas, que tan graves parecían, semellan esvaecerse ante a enormidade do sufrimento das persoas migrantes, vítimas inocentes dunha política de fronteiras que persigue so ás persoas empobrecidas. Escoitando a voz de Santiago Agrelo sentímonos obrigadas, como naquela canción de Silvio, a abandoar a comodidade da casa e do sillón, a saír do illamento egoísta do noso fogar e a botarse ás rúas a poñer os nosos corpos, os nosos berros, ao servizo doutro mundo posible, máis xusto e solidario.
Grazas a monseñor Santiago Agrelo. Grazas por ser imaxe viva doutra Igrexa, doutro mundo, no que nos gustaría vernos reflexadas…