Santiago Agrelo: «Cartas a unha Igrexa de fronteira»

O sábado día 27 de novembro, ás 10:30, celebramos a nosa tradicional Charla de Advento. Nesta ocasión acompáñanos monseñor Santiago Agrelo, frade franciscano galego, arcebispo de Tánxer entre 2007 e 2019.

Entrou no seminario franciscano de Herbón en 1953, con once anos, e estivo nel ata 1958. Ao ano seguinte fixo o noviciado no convento de San Francisco do Val de Deus e en 1963 fixo aló a profesión solemne da Orde dos Freires Menores. Estudou teoloxía e filosofía en Ponteareas e na Universidade Pontificia de Salamanca. O 13 de agosto de 1966 foi ordenado sacerdote en Salamanca.

Tras desempeñar diversos cargos en Galicia e en Colombia, e despois de ocupar a titulariedade de varias parroquias galegas rurais, o 11 de abril de 2007 o papa Bieito XVI nomeouno arcebispo metropolitano de Tánxer, en Marrocos, cargo que ocupou a partir do 17 de xuño. Ao cumprir os 75 anos, conforme o Código de Dereito Canónico, presentou a súa renuncia, que foi aceptada polo papa Francisco o 24 de maio de 2019.

Marcado pola súa experiencia en Tánxer, que lle deixou unha pegada indeleble, acompañou e apoiou ás persoas migrantes da súa diócese e denunciou incansablemente a súas condicións de vida e a violencia exercida sobre elas polas políticas políticas migratorias dos gobernos español e europeo. Santiago Agrelo critica sen ambigüidades o egoísmo que nos leva a mirar cara outro lado ante a traxedia da inmigración: «Empeñámonos en pisotear un dereito fundamental, o dereito das persoas a buscarse un espacio vital no que poder vivir con dignidade».

Como cristián, a esixencia de compromiso é radical e debe ser transformadora, como o foi para el: «Non é o mesmo ler o Evanxeo nuha catedral que nun caiuco. E eu intento lelo no caiuco xa para sempre».