Tempo de Advento: «Camiñando sendeiros de esperanza»

CAMIÑANDO SENDEIROS DE ESPERANZA

Este ano concibimos o tempo de Advento como unha invitación a poñernos en marcha, tras a parálise dos últimos anos por mor da pandemia. Queremos retomar a vida, impulsar os compromisos, reforzar os lazos comunitarios. Desde esta perspectiva, propoñemos catro camiñadas nos catro domingos de Advento, que nos levarán ata o Nadal, onde nace e renace cada ano a esperanza das seguidoras e seguidores de Xesús de Nazaret.

Domingo 1º de Advento: 28 de Novembro

1ª CAMIÑADA: ESTADE ESPERTOS ANTE O QUE ESTÁ POR VIR.

Espertar é o primeiro, abrir os ollos para arredar tantos pesadelos, erguernos máis aló de todos os egoísmos, sacudirnos desta modorra que nos atorde e nos paraliza, saír a rúa, ofrecer o brazo á irmá, ao irmán, e camiñar, camiñar sendeiros de esperanza.

Chega o día da vosa liberación.

Pero cando empece a suceder todo isto, poñédevos de pé e erguede ben a cabeza, porque chega o día da vosa liberación. […]

Vós vixiade sempre, e pregade para que poidades escapar de todo o que está por vir, e comparecer así seguros diante do Fillo do Home.

Lucas 21, 28;36