Hoxe, sábado 13 de novembro, á mañá, celebramos unha Xuntanza de comunidades na que procuramos desenvolver unha reflexión en torno a esta proposta temática: “Poñer os coidados no centro da Comunidade”.
Foi unha xornada moi agradecida, na que tras unha presentación xeral xuntámonos en grupos pequenos para reflexionar conxuntamente sobre o tema proposto, aportando as nosas experiencias e puntos de vista, escoitando ás demais, compartindo…
Despois tivemos a posta en común, na que cada pequeno grupo aportou o resumo das súas reflexións. Evidenciouse a repetición dalgunhas ideas forza: a constatación de que a pandemia serviu para intensificar tendencias que viñan propiciadas polo sistema que nos levan cara o medo, o illamento, o individualismo, a soidade…; a necesidade de buscar alternativas comunitarias e ser voces críticas ante o actual estado das cousas; a importancia de combinar a mirada cara a comunidade, sen descoidar aos nosos irmáns e irmás máis cercanos, e cara a fóra, atendendo na medida das nosas posibilidades as necesidades e demandas do barrio, da cidade e do mundo; o recoñecemento de que o mundo é complexo e reclama respostas poliédricas, multiformes, capaces de adaptarse a situacións cambiantes e dinámicas; a idoneidade da comunidade para dar esas respostas dende o colectivo e o horizontal, dende o fraterno, o que por si mesmo xa é contracultural.
Tras a posta en común, compartimos un pequeno momento de oración en torno a unha escena do Principiño e dúas imaxes -inicialmente cubertas de vendas- que simbolizaban os coidados postos no centro da vida. Pouco a pouco fomos retirando as vendas que nos impedían achegarnos ás alternativas nas que basear a construción dese mundo posible e necesario polo que seguiremos -sempre- a loitar.