Círculo de Silencio polo Día da Pobreza

O pasado xoves, día 21 de outubro, ás 20:00, un novo Círculo de Silencio, convocado pola Rede Social Galicia Sur, xuntou a preto de medio centenar de persoas na farola de Urzáiz.

Desta vez, o Círculo de Silencio reuníase con motivo do Día da Pobreza, que se conmemoraba en todo o mundo o día 17 de outubro. Con tal motivo, había en todas partes espazos de «publicidade», «información institucional», entrevistas, diagnósticos, solucións… en fin, un montón de información que desinforma, de palabrería que se repite ano atras ano sen que muden as cousas. E a pobreza perdura, día tras día, mes tras mes, sen que a dor de tantas sexa remediada… quizais porque non se acaba de asumir que acabar coa pobreza supón acabar coa riqueza, que o problema é a desigualdade, que é un problema estrutural e sistémico, e que, polo tanto, implica cambios estruturais e sistémicos. E iso é o que non se quere afrontar.

Por iso, frente ao «pecado estrutural», decidimos alzar un berro de silencio, quizais o máis oportuno en medio de tanta palabrería vacía. So dende ese silencio atopamos as forzas para denunciar o noso cansazo, a nosa indignación, ante os discursos baleiros que non arranxan nada.

Oxalá algún día os nosos berros silenciosos, os de tantas que sofren a pobreza silenciados polos medios de comunicación, polos políticos e polas institucións, sexan escoitados, dunha vez por todas.