O pasado 7 de outubro, as organizacións que integran a Iniciativa Igrexa polo Traballo Decente (ITD) celebraron e reivindicaron o traballo como dereito e medio para desenvolverse, crear e realizarse como persoas. Estas organizacións son Cáritas, Confer, Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), JOC, Justicia y Paz e Juventud Estudiante Católica.
No seu manifesto, que publicamos máis abaixo, lembran, entre outras consideracións, que «a nova “normalidade” non pode ser a precariedade que vimos sufrindo desde antes da pandemia. O traballo é expresión de amor , de entrega, a nosa contribución singular e única á construción dunha sociedade máis xusta e igualitaria, sen explotación nin opresión de ningún tipo; é a nosa aposta por crear comunidade para conseguir que estea á altura da persoa e a súa dignidade». E esixen unha mellora sistemática e concreta dos regulamentos laborais para acadar o obxectivo dun traballo decente para todas as persoas.
Unha das organizacións convocantes, a Irmandade Obreira de Acción Católica (HOAC), vén de celebrar o seu 75 aniversario. Con tal motivo, publicouse unha reportaxe especial na TVG na que figuran Pili e Luís Calvo, militantes históricos da organización en Galicia que dende hai moitos anos fan parte da nosa comunidade parroquial, dando exemplo de coherencia e compromiso cristián. Vaia para eles a nosa aperta máis agarimosa!
Podedes mirar o vídeo clicando na imaxe: