Celebración da Esperanza

Onte, sábado 9 de outubro, ás oito da tarde, participamos nunha “Celebración da esperanza”, coa que quixemos lembrar(nos) a necesidade de avivar o lume da esperanza para alimentarnos e darnos forzas ao longo do curso que estamos a comezar.

Durante a celebración, léronse poemas que animaban a loitar polo futuro e a atopar (e construír) lugares onde facer realidade as utopías nas que cremos. Tamén se proxectou un vídeo sobre un pasado que será sempre estímulo para seguir facendo camiño, cantamos cancións que foron como faíscas que quentaban os corazóns e escoitamos textos varios que nos lembraban os nosos compromisos e as razóns polas que paga a pena loitar na procura dun mundo máis xusto e fraterno.

Por último, os candís que fomos reunindo ao longo da celebración simbolizaron a unión dos pequenos lumes que nos animan a cada un de nós. A pesares da nosa pequenez, somos capaces de ofrecer unha intensa luz cando nos xuntamos en comunidade, e esa luz pode alumear un futuro de esperanza en medio dun mundo en crise, no que segue a haber, por desgraza, moita escuridade. É na escuridade máis profunda cando máis brilla a luz…

Trala participación da asemblea, con intervencións agradecidas e animosas, rematamos a celebración escoitando -e cantando- unha fermosa e alegre composición de Sés: “Semente de vencer”.

Non faltaron uns petiscos ao concluír, retomando un costume que levabamos meses sen disfrutar por mor da pandemia. Risas e conversas foron o remate perfecto para unha celebración que lembrou á comunidade a necesidade de seguir crendo en si mesma e de perseverar no seu compromiso con ese outro mundo posible e necesario.