Asemblea parroquial de fin de curso

O pasado sábado, día 26 de xuño, á tardiña, celebramos a nosa tradicional asemblea de fin de curso, que desta vez foi moi especial. Tras máis dun ano de pandemia, tras a paralización ou trasposición ao modo virtual de moitas actividades e encontros cotiáns, tras moitos meses de soidade e relativo distanciamento, puidemos volver a atoparnos con tantos rostros queridos, compañeiros de camiño, irmás e irmáns nesta comunidade parroquial do Cristo da Vitoria.

Para darlle aínda un carácter máis especial a esta asemblea, a situación de pandemia levounos a reunirnos na Igrexa en lugar do salón de actos, para ter máis espazo e garantir as distancias necesarias. Todo gañou así en intensidade e espiritualidade, e por veces a emoción impúsoxe sobre as palabras, e as risas e as bágoas xurdiron espontaneamente ao falar do vivido ao longo do ano e do soñado para o futuro inmediato.

Ademais, moitas amigas e amigos que nos queren ben nos transmitiron o seu ánimo e cariño mediante uns vídeos que se foron proxectando ao longo da asemblea, lembrándonos así que non estamos soas no noso camiñar…

Tras compartir lembranzas e soños de futuro, servímonos do símbolo dunha fermosa maceira para depositar nas súas polas unhas liñas nas que cada quen expresaba os seus desexos para o próximo curso. Oxalá se cumpran, coa solidariedade e participación de todas, moitos deles!