O Evanxeo anticapitalista de Arcadi Oliveres

Como última homenaxe á figura de Arcadi Oliveres, recentemente falecido, queremos ofrecer aquí un documental sobre a súa vida, titulado «Mai és tan fosc» («Nunca es tan oscuro»), e dirixido por Erika Sánchez.

Recollemos a continuación algúns fragmentos da reseña redactada por Javier Coria para o diario Público con motivo da súa presentación pública:

Estruturado como unha road movie, o documental «Mai és tan fosc» ensínanos o día a día do activista catalán Arcadi Oliveres, expresidente da ONG Xustiza i Pau, vinculada á diocese de Barcelona.

Arcadi Oliveres Boadella (Barcelona 1945) era Doutor en Ciencias Económicas e Profesor titular do Departamento de Economía Aplicada da Universidade Autónoma de Barcelona. Oliveres pasou 40 anos de combativa actividade nos movementos sociais, sempre desde a óptica cristiá e pacifista. Desde a loita pola democracia durante a ditadura (foi membro da Assemblea de Catalunya, de Cristians pel Sosialisme e participou na soada Caputxinada), ata as loitas sociais polo NON á guerra, o 15 M ou contra os desafiuzamentos. […]

A moza directora Erika Sánchez, con guión dela mesma e de Roger Dànes e a produción de Unicamente Severo Films, armaron este documental que é o froito de dous anos de seguimento da vida, a indignación, a análise e a coherencia do discurso de Arcadi Oliveres.

Arcadi Oliveres consegue unha coherencia vital acorde co seu discurso público. O documental ensínanos o particular evanxeo anticapitalista do protagonista nas últimas mobilizacións cidadás da chamada Spanish Revolution, como o 15- M ou os movementos antiglobalización, pero tamén hai espazo para a introspección e a mirada repousada á vida cotiá (co drama da perda dun fillo mentres se rodaba o filme) e as propias contradicións do home que tenta conseguir, e consegue, unha coherencia vital acorde co seu discurso público, cousa moi rara nos tempos que vivimos. […]

Sobre o documental dixo a súa directora, Erika Sánchez: «Facer esta película sobre Arcadi contribuíu a unha necesidade miña de comprender a cuestión evanxélica. A obra cinematográfica de Pasolini púxonos sobre a pista da conexión entre o motor cristián da peregrinación de Arcadi e o discurso marxista.»

E aquí tedes o documental. Non o perdades. Vale moito a pena…