Círculo de silencio pola Xustiza Social

O mércores 19 de febreiro, ás 20:00, a Rede Social Galicia Sur celebrou un novo Círculo de silencio na farola de Urzáiz. Preto de medio centenar de persoas reunímonos en silencio para denunciar as desigualdades crecentes e para reivindicar xustiza social nun mundo cada vez máis inxusto, cada vez máis marcado pola crecente masa de empobrecidas e o aumento das grandes fortunas. Agardamos que o noso grito silencioso sexa quen de contribuír á sensibilización da sociedade para construír entre todas e todos un mundo máis fraterno, máis xusto e solidario.

A continuación, o manifesto que se leu con motivo deste novo círculo de silencio:

Manifesto DIA DA XUSTIZA SOCIAL

O modelo de desenvolvemento económico, baseado no crecemento do consumo, non se pode soster co ritmo e a capacidade do planeta. A vida está ameazada polos intereses económicos e políticos que espolian os recursos minerais, deforestan os bosques, contaminan a auga, constrúen indiscriminadamente, corrompen as institucións e violan sistemáticamente os Dereitos humanos. Este modelo xenera desigualdade social e quebranta os dereitos das persoas máis vulnerables, especialmente naqueles países menos desenvolvidos que padecen a loita global polos recursos naturais que outros consideran estratéxicos. Elas son as que sofren o cambio climático, o desprazamento forzado, a perda do seu xeito de vida. A súa pobreza aumenta para que uns poucos sexan mais ricos.

Ademais a cidadanía mantén uns valores construídos en torno ao consumo e á posesión de bens materiais, que sosteñen ese modelo depredador e inxusto.

En todo o mundo, máis de 800 millóns de persoas viven por debaixo do umbral da pobreza segundo datos da ONU, e moitas carecen de acceso a alimentos, auga potable e saneamento adecuados. Pese ao elevado nivel de desenvolvemento económico e a cantidade de recursos do mundo moderno, as sociedades desenvolvidas seguen sen poder reducir a brecha de desigualdade existente. Segundo o recente informe de Oxfam-Intermon, os 2.153 milmillonarios, controlan más riqueza que os 4,6 mil millóns de persoas máis pobres do mundo, e o 1% máis rico ten máis que 6,9 mil millóns, case toda a poboación do mundo.

España está entre os países con peor índice de xustiza social da Unión Europea e a nosa posición deteriorase desde 2008 debido á agudización da desigualdade económica, xa que as medidas de austeridade e a ausencia de políticas redistributivas, afectan á educación, á saúde, aos servizos sociais, aos programas de asistencia a dependentes,… de xeito que o 27,9% da poboación española está en risco de pobreza e exclusión, aumenta o emprego temporal e o traballo precario, principalmente entre a xente nova, de xeito que o emprego xa non permite saír da pobreza; a reducida subida das pensións non permite facer fronte ao aumento dos prezos dos servizos esenciais como a electricidade, o auga ou o gas; o acceso a prazas en residencias é prohibitivo; os prezos dos alugueres son inalcanzables,…

Se queremos crear prosperidade sostible, se buscamos «mellorar o benestar humano e a equidade social, reducindo os riscos ambientais” precisamos respectar os límites do planeta e pensar nun benestar humano real e sostible, non só no crecemento do consumo material.

Debemos propiciar un cambio nos modos de vivir persoais e comunitarios, e nas decisións políticas para contribuír á construción dunha sociedade solidaria e un planeta habitable para todos os pobos, unha auténtica Casa Común, non só hoxe, senón pensando nas xeracións futuras.

No estado e no local, son necesarias políticas públicas dirixidas a reducir a desigualdade: unha maior xustiza laboral para mulleres e homes, a revisión do sistema de pensións, unha Lei de dependencia, unha educación eficaz que fomente a igualdade e a inclusión social, unha nova lexislación sobre enerxías renovables e leis fiscais e orzamentarias nas que prevalecen os gastos sociais e contribúan a reducir a desigualdade.

A POBREZA NON É NATURAL, É CREADA POLO HOME E PODE SUPERARSE E ERRADICARSE MEDIANTE ACCIÓNS HUMANAS.

O MUNDO É GRANDE DABONDO PARA SATISFACER AS NECESIDADES DE TODAS, PERO SEMPRE SERÁ DEMASIADO PEQUENO PARA A AVARICIA DUNS POUCOS.