Emerxencia social, emerxencia ecolóxica

Dúas novas aparentemente distintas converxeron esta pasada semana: por unha banda, as protestas masivas en todo o mundo para denunciar a situación de emerxencia climática que está a padecer o planeta. Nesas manifestacións, as convocantes deixaron claro que a contaminación e o consumismo compulsivo que afectan dramaticamente á natureza e ás comunidades humanas, especialmente ás máis empobrecidas, están intimamente relacionadas. Dito doutro xeito: canto maior é o afán depredador do sistema capitalista, maior é o dano causado ao medio ambiente e ás persoas e colectivos máis vulnerables.

Por outra parte, este pasado xoves, 26 de setembro, deuse a coñecer o Informe FOESSA sobre Exclusión y Desarrollo social en Galicia 2019, con datos descorazonadores: un de cada cinco galegos se atopan xa, aquí e agora, en situación de exclusión social. É dicir, o 20% da poboación total de Galicia. Nesta situación o factor máis determinante é a dificultade para acceder a unha vivenda digna, ata o punto de que o 28,3% da poboación reside en vivendas inseguras e o 18,9% en vivendas insalubres. Dous datos relevantes máis: prosegue a darse unha clara feminización da pobreza, e un constante incremento na precariedade das condicións laborais, que leva a aumentar o número de persoas con emprego que non saen da pobreza.

O máis dramático quizás é que o aumento da desigualdade é parello ao aumento do individualismo, do egoísmo, e á disolución dos lazos comunitarios.

Non é preciso sinalar que para saír dunha emerxencia é preciso saír da outra, e viceversa. O problema de fondo, a causa última de ambas crises é o pecado estrutural: o sistema capitalista, sistema depredador que arrasa con ecosistemas, comunidades, persoas… sen preocuparse máis que da conta de beneficios. É un sistema que condena ao planeta e aos seus habitantes a un futuro sen esperanza.

Vivimos, pois, en tempos de emerxencia: ecolóxica e social. Tempos difíciles que requiren da reacción e a contribución de todas as persoas que cren noutro mundo posible e necesario. Tempos de reafirmar compromisos ecolóxicos, feministas, solidarios e transformadores, no barrio, na cidade, no mundo. Tempos de combater o capitalismo como responsable último da dobre emerxencia que estamos a padecer.

Nós non nos rendimos. Seguimos a crer no futuro. Seguimos sendo fieis á esperanza. Pero, como nos lembra dom Pedro Casaldáliga, «a esperanza so se xustifica en quen camiñan». Paso a paso… Camiñamos?