Comezamos: Xuntanza de inicio de curso

Como xa é habitual, o comezo ‘oficial’ do curso celebrouse cunha xuntanza que este ano tivo lugar o pasado sábado 21 de setembro, ás 10:00 da mañá, nos baixos do complexo parroquial.

O encontro iniciouse cun almorzo comunitario no que compartimos o que cada cal puido aportar. Bastará con dicir que os máis peques contribuíron non pouco a rematar os petiscos nun tempo récord…

A continuación, comezamos cunha oración e case inmediatamente coa posta en común, na que se revisaron os acordos e proxectos máis importantes cara o curso que agora iniciamos, coas achegas dos diferentes ministerios implicados: Servizo e Denuncia profética, Educación na fe, Formación e desenvolvemento comunitario, Espiritualidade transformadora e Participación e Corresponsabilidade.

Rematamos a mañá cun xesto e unha oración comunitarias, baixo a orientación do Ministerio de Espiritualidade transformadora, que nos deron azos para concluír a xornada dende o compromiso fraterno-sororal e con esperanzas e con ánimos renovados para afrontar o curso que agora comeza.

Comezamos! Úneste? 😉